Páginas

27/6/11

UNHA BOA LECCIÓN

Este tampouco está nada mal. Aproveitade antes de poñervos a estudar os que o teñades que facer.


UN LADRÓN MOI ESPECIAL

Estou segura de que nunca vos falaron dun ladrón de arte coma este e que tampouco pensastes nunca que a arte abstracta podía ter nacido como ides ver:

Dripped from ChezEddy on Vimeo.

26/6/11

ESPERANZA

Deixo aquí unha fermosa historia de esperanza, a dun home tranquilo que vive rodeado da desolación que devorou a súa contorna. O vello músico pon todo o seu ánimo en manter vida no seu mundo e para ello permanece fiel á natureza e ás súas propias crenzas e busca entre moreas de lixo obxectos para seguir construíndo o seu particular universo que servirá para salvar o dos "outros" o dos que se renderan diante da adversidade, e como sempre: "esforzo obten resultado"


Dried Up from Cecil on Vimeo.

22/6/11

LECTURAS PARA O VERÁN

Para que poidades ver ao voso ritmo, tendes que pasar as imaxes co rato. Bo verán dende xa.

20/6/11

HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Os ENL fixeron este vídeo homenaxe ao autor de tantos libros coñecidos por tod@s nós e que xa sabedes que están na nosa biblioteca. Tamén estivo algunha vez no noso centro, pero hai xa bastante tempo por iso non o vos acordades.






E aquí queda tamén a homenaxe:




13/6/11

JUAN FARIAS





O noso agradecemento ás compañeiras Susana do CEIP de Pazos onde está a Biblioteca "Juan Farias" e Loly, do IES de Fene, alma de "O Segrel do Penedo".

JUAN FARIAS

JUAN FARIAS


"Galego, nacido, criado e recriado en Galicia. Escritor con posibilidades, ex-mariñeiro, ex-estudante. Uns opinan que son triste, huraño e tímido. Outros opinan que son alegre, desenfadado e optimista. Normalmente atópome feo, todo depende do espello e do meu estado de ánimo. Se o que quero. Conseguireino se non estiro a pata antes de tempo. Gústame viaxar e viaxei tanto como me veu en gana. Algunhas cousas das que ocorren á miña ao redor repélenme, outras me atraen e outras me deixan indiferente. Rebéntanme os ficheiros metálicos, as gaiolas, os bloques de vivendas con máis de trescentos veciños e a pesca con carburo. Opino que o refraneiro é definitivo cando di que en todas partes cocen fabas. Consólame a certeza de que cada libro é independente dos demais e de que non estou obrigado a ser fiel a determinado tipo de lectores se ao día seguinte descubro que estes lectores e eu estabamos equivocándonos. Ocórreme, creo, o que a moita xente, que unhas veces atópome nova e outras vello. Como escritor espero facer cousas porque se non, non escribiría, isto é elemental. "
Autorretrato en : Os buscadores de auga


Juan Farias nace en Serantes, Ferrol, no 1935, do matrimonio entre unha ferrolá e un ovetense, enxeñeiro militar. Co comezo da guerra comeza a peregrinación da familia, Madrid, Valencia, Lugo, Madrid de novo,Teruel, e volta a Lugo, porque o pai dirixe a construción de varios aeroportos militares
A morte da súa irmá maior leva ao pai e marchar de novo a Valencia mentres a nai vai a Ferrol cos pequenos.
Ao rematar a guerra a familia volve a reunirse en Lugo pero pouco despois Juan marchará a Tetuán cos seus tíos e ata 1946 non volverá a Galicia. Entón quería viaxar por todo o mundo e o seu tío, comandante de Mariña, apoia ese afán porque consideraba que era «imprescindible e necesario» para a súa formación. Como grumete irá ata a costa irlandesa, á pesca do bacallau. A súa aficción a viaxar e ao mar levarano a estudar naútica en Coruña e Cádiz e logo a facer o servizo militar no «Juan Sebastián Elcano», co que deu tres voltas ao mundo. Daquelas viaxes traerá tantos recordos que lle darán para escribir tres libros: Ponte de cáñamo, Gran cabotaje e Irmán tolo.
En 1960 recibe o Premio de Narrativa Santo Tomás de Aquino, da Universidade da Lagoa, pola novela Despois amence.
Este premio reforzará a súa idea de ser escritor. Instálase en Madrid e matricúlase na Escola de Cine, buscando un camiño novo no que non progresa así que volve á literatura, aínda que traballa para a televisión, radio, e distintas publicacións o que lle permitirá crear unha familia que moi pronto será numerosa. ¡Ese será o seu gran e amado barco!
No 1963 é finalista do Premio Nadal con Os buscadores de auga, logo en 1964, premio Cidade de Oviedo pola novela Os nenos numerados .
En 1972 Crónicas dun pobo, a serie de TVE para a que escribe os guións, recibe o Premio Nacional de Televisión, o Premio Antena de Ouro, o Premio Ondas e o Premio TP de Ouro de Televisión e ao ano seguinte a Rosa de Ouro do festival de Montreux e a Mención Especial da Crítica Internacional do Festival de Hollywood e a nominación para o Premio EMMY entre outros galardóns.
No 1977 decide deixar de escribir para adultos e métese no mundo dos nenos para os que publica O can sen rabo, e O mapa e os paxaros. Logo virán: Algúns nenos, tres cans e máis cousas ou Carmela, e retoma o camiño dos contos porque precisa recuperar o seu optimismo vital e porque pensa que: "ou se escribe para ser feliz ou mellor deixalo"
En 1980 Premio Nacional de Literatura Infantil, concedido por Algúns nenos, tres cans e máis cousas, súmase á súa extensa lista de galardóns.
Despois publicará: Un testo cheo de lapis, Anos Difíciles, O barco dos peregrinos, a A illa das mazás, Os fillos do capitán, O neno que sabía ler, libro de lectura escolar, O neno que veu co vento, O fillo do xardineiro. Os pequenos nazis do 45 e O estanque das libélulas mentres seguía recibindo premios e nominacións e sobre todo seguía escribindo.
Juan comezou a crear o seu pequeno gran universo literario fai medio século. Nel están presentes a ambición, a tenrura, a envexa, a lealdade, o amor a inocencia, a inxustiza, a vida e a morte como actos cotiáns en escenarios reais descritos con precisión porque ao autor só lle interesaba o esencial.
Juan, que chegou coa primavera, coa primavera..... ausentouse. ¡Boa singladura, amigo!

9/6/11

MORRE A MENORIA DUN SÉCULO

A noite do sete de xuño, morreu en París Jorge Semprún. Tiña 87 anos e todos os recordos do século XX na súa sempre preclara cabeza.
Jorge pertencía á clase alta española. Era fillo de Susana Maura, polo tanto neto, de Antonio Maura, político conservador varias veces presidente do goberno español durante o reinado de Alfonso XIII e de José María Semprún e Gurrea, profesor e xurista republicano.
En 1939, rematada a Guerra Civil Española, pasada na Haia, onde o seu pai era Embaixador de España, a familia trasládase a París, desde 1941, Jorge cursou estudos de Filosofía na Universidade da Sorbona.
Durante a Segunda Guerra Mundial, na Francia ocupada polos nazis, o mozo Semprún combateu cos partisanos da Resistencia, como moitos outros españois refuxiados en Francia. En 1943, tras ser denunciado, foi detido, torturado e posteriormente deportado ao campo de concentración de Buchenwald, tiña entón 20 anos e a estancia no campo marcaría a súa vida ata o punto de dicir nunha entrevista no 2000 que: Eu teño dentro da miña cabeza, vivo, o cheiro máis importante dun campo de concentración. E non podo explicalo. E ese cheiro vaise a ir comigo como xa se foi con outros
A súa obra, fundamentalmente memorialista e autobiográfica, permite reconstruír momentos clave da vida do escritor lendo cronoloxicamente uns libros que non foron escritos respectando esa orde: a adolescencia no exilio da Guerra Civil en Adeus, luz de veráns..., a resistencia antinazi e a experiencia de Buchenwald en A longa viaxe, Vivirei co seu nome, morrerá co meu, e sobre todo Aquel domingo , Despois veu a expulsión do Partido Comunista de España: Autobiografía de Federico Sánchez, o nome baixo o que se ocultaba, ou o período como ministro de Cultura na segunda lexislatura de Felipe González: Federico Sánchez despídese de vostedes.
Semprún, foi tamén autor de guións de cine para directores como Alain Resnais A guerra rematou ou Costa Gavras Z e A confesión. O feito de que escribira a maior parte da súa obra en francés privouno de simpatías en España aínda aue. nunca perdeu, con todo, a nacionalidade española.
O 11 de abril do ano pasado, o escritor acudiu por última vez a Buchenwald para pronunciar un discurso. Celebrábase o 65º aniversario da liberación do campo e o escritor dicía: "Por última vez, pois, o 11 de abril, nin resignado a morrer nin angustiado pola morte senón furioso, extraordinariamente irritado pola idea de que pronto xa non estarei aquí, no medio da beleza do mundo ou, pola contra, no súa grisácea insipidez -que neste caso concreto son a mesma cousa-, por última vez, direi o que teña que dicir". Fíxoo. Alí recordou aos nenos xudeus que, en 1945, foron levados dende Polonia a Weimar ante o avance do exército ruso. Entre eles estaban algúns grandes escitores de hoxe . "Todas as memorias europeas da resistencia e do sufrimento", dixo, "só terán, como último refuxio e baluarte, dentro de dez anos, á memoria xudía do extermino. A máis antiga memoria daquela vida, xa que foi, precisamente, a máis nova vivencia da morte".

Coa desaparición de Semprún pérdese unha memoria do século. O resto está na súa obra. No seus libros, cheos de vida e de amor á vida, cheos tamén das lecturas que lle serviron de refuxio. Dunha desas lecturas é esta cita: "Estou seguro de que a miña morte recordarame algo...". Iso debeulle ocorrer a Semprún que descansará para sempre na Francia que o acolleu.

6/6/11

NAS ÚLTIMAS HORAS





Estanse achegando os exames finais e iso vainos obrigar a deixar a HORA de LER, mais para que poidades seguir soñando, queremos que os carteis que anuncien a derradeira deste curso sexa un fermoso unicornio, o da esquerda.


E xa que falamos de UNICORNIOS imos deixar tamén unha fermosa curta que atopamos nun blog amigo, en "Trafegando ronseis", como case sempre. Gracias a Gracia e a Anxo
Non está traducida pero non fai falta ....


1/6/11

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

"Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?".


Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)