Páginas

9/6/11

MORRE A MENORIA DUN SÉCULO

A noite do sete de xuño, morreu en París Jorge Semprún. Tiña 87 anos e todos os recordos do século XX na súa sempre preclara cabeza.
Jorge pertencía á clase alta española. Era fillo de Susana Maura, polo tanto neto, de Antonio Maura, político conservador varias veces presidente do goberno español durante o reinado de Alfonso XIII e de José María Semprún e Gurrea, profesor e xurista republicano.
En 1939, rematada a Guerra Civil Española, pasada na Haia, onde o seu pai era Embaixador de España, a familia trasládase a París, desde 1941, Jorge cursou estudos de Filosofía na Universidade da Sorbona.
Durante a Segunda Guerra Mundial, na Francia ocupada polos nazis, o mozo Semprún combateu cos partisanos da Resistencia, como moitos outros españois refuxiados en Francia. En 1943, tras ser denunciado, foi detido, torturado e posteriormente deportado ao campo de concentración de Buchenwald, tiña entón 20 anos e a estancia no campo marcaría a súa vida ata o punto de dicir nunha entrevista no 2000 que: Eu teño dentro da miña cabeza, vivo, o cheiro máis importante dun campo de concentración. E non podo explicalo. E ese cheiro vaise a ir comigo como xa se foi con outros
A súa obra, fundamentalmente memorialista e autobiográfica, permite reconstruír momentos clave da vida do escritor lendo cronoloxicamente uns libros que non foron escritos respectando esa orde: a adolescencia no exilio da Guerra Civil en Adeus, luz de veráns..., a resistencia antinazi e a experiencia de Buchenwald en A longa viaxe, Vivirei co seu nome, morrerá co meu, e sobre todo Aquel domingo , Despois veu a expulsión do Partido Comunista de España: Autobiografía de Federico Sánchez, o nome baixo o que se ocultaba, ou o período como ministro de Cultura na segunda lexislatura de Felipe González: Federico Sánchez despídese de vostedes.
Semprún, foi tamén autor de guións de cine para directores como Alain Resnais A guerra rematou ou Costa Gavras Z e A confesión. O feito de que escribira a maior parte da súa obra en francés privouno de simpatías en España aínda aue. nunca perdeu, con todo, a nacionalidade española.
O 11 de abril do ano pasado, o escritor acudiu por última vez a Buchenwald para pronunciar un discurso. Celebrábase o 65º aniversario da liberación do campo e o escritor dicía: "Por última vez, pois, o 11 de abril, nin resignado a morrer nin angustiado pola morte senón furioso, extraordinariamente irritado pola idea de que pronto xa non estarei aquí, no medio da beleza do mundo ou, pola contra, no súa grisácea insipidez -que neste caso concreto son a mesma cousa-, por última vez, direi o que teña que dicir". Fíxoo. Alí recordou aos nenos xudeus que, en 1945, foron levados dende Polonia a Weimar ante o avance do exército ruso. Entre eles estaban algúns grandes escitores de hoxe . "Todas as memorias europeas da resistencia e do sufrimento", dixo, "só terán, como último refuxio e baluarte, dentro de dez anos, á memoria xudía do extermino. A máis antiga memoria daquela vida, xa que foi, precisamente, a máis nova vivencia da morte".

Coa desaparición de Semprún pérdese unha memoria do século. O resto está na súa obra. No seus libros, cheos de vida e de amor á vida, cheos tamén das lecturas que lle serviron de refuxio. Dunha desas lecturas é esta cita: "Estou seguro de que a miña morte recordarame algo...". Iso debeulle ocorrer a Semprún que descansará para sempre na Francia que o acolleu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario